xoves, 30 de xaneiro de 2020

Día da Paz





Hoxe foi un día de celebración, e foron varias as actividades organizadas polo centro.

Para empezar, os nenos/as maiores, de 6º de Primaria, pasaron un ratito con nós charlando e contándonos contos e historias que eles saben. Foi moi entretido e pasámolo moi ben con eles.

Logo chegou o tempo de decorar as "Pedras pola Paz", así que fomos ata o obradoiro e alí terminamos de decorar as nosas pedras. Onte pintámolas de azul e hoxe, unha vez seca a pintura, debuxamos nelas corazóns, símbolos da Paz e mesmo a palabra Paz. Quedaron todas ben bonitas; pronto as teredes na casa.


Máis tarde, e como ven sendo habitual na nosa escola por estas datas, xuntámonos todos no patio para cantar e bailar unha canción pola Paz. Este ano o tema elixido foi "Quérote máis", unha divertida canción de Sonoro Maxín.




E para rematar, hoxe foi día de reparto de cartas. Temos un buzón na aula no que gardamos cartas que escribimos en clase aos nosos compañeiros. Son cartas de amizade, que facemos con moito cariño e moito esforzo, e que botamos ao buzón á espera de que estea cheo. E qué mellor data que a de hoxe para abrilo e facer o reparto de todas esas cartas de amigos que recibimos con tanta ilusión. Foi a primeira entrega, pero de seguro que haberá máis ao longo do curso.






mércores, 22 de xaneiro de 2020

Xogando coas letras




Hoxe comezamos nova ronda de encargados, e con ela comezamos tamén a usar o "cartel das letras".
Temos nel todas as letras que podemos necesitar para compoñer calquera palabra que se nos ocurra, e de seguro que lle imos dar moitísimo uso ao longo deste curso.
Para empezar, algo sinxelo; o encargado do día terá que compoñer o seu nome. É unha tarefa ben doada que nos encanta. Ás veces tardamos en atopar a letra que buscamos, así que os compañeiros nos indican onde está (arriba, a un lado, onda o L ou o M...) Logo de poñer o nome lémolo guiando co dedo a nosa lectura; aproveitamos tamén para contar cántas letras temos no nome, e xogamos a diferentes xogos de letras que se nos van ocurrindo día a día.