mércores, 27 de novembro de 2019

Os Bits de Intelixencia

Todos os días, á volta do recreo, vemos os bits de intelixencia ("os bits").
Trátase de series de imaxes (oito ou dez) pertencentes todas elas a un mesmo campo semántico, e con esta actividade pretendemos estimular tanto a linguaxe como as capacidades de observación, escoita e atención. 

Traballamos cada serie de bits durante tres semanas:

Polo xeral, o primeiro día do pase parámonos a falar de cada unha das imaxes, comentando algo sobre elas e sobre a categoría á que pertencen (aves, planetas, razas de can, ...). Logo comeza o pase: a profe ensina durante un par de segundos cada un dos bits ao tempo que dí o seu nome, e todos repiten o nome antes de que apareza outro.
Nas dúas semanas seguintes serán os nenos/as os que dirán o nome antes de que o diga a profe, e así prestamos máis atención, xa que a todos nos gusta acertar á primeira.

Tratamos de que os bloques sexan de dificultade variada; non é o mesmo identificar e recordar nomes de científicos que de instrumentos musicais, aínda que cada vez poñerémolo máis difícil.

No seguinte documento podedes atopar un pouquiño máis de información:


Bits de Intelixencia



mércores, 6 de novembro de 2019

Sementamos


Nos últimos días do mes de setembro prantamos algunhas sementes. 

Podiamos escoller entre castañas, landras, pepitas de limón e pepitas de laranxa. Tiñamos tamén unhas sementes recollidas do noso patio, así que cada quen decorou un vasiño de iogur e, unha vez cheo de terra, pusimos dentro a semente escollida e regamos.







O pasado luns, ao chegar á clase, descobrimos con sorpresa que comezaron a brotar os limoeiros; son tan pequeniños que apenas se ven, pero a súa cor verde destaca entre o negro da terra. Todos os días botámoslles un ollo e comprobamos como, ainda que moi pouco a pouco, os brotes van medrando, os talos enderézanse e as pequenas follas van tomando forma.




venres, 1 de novembro de 2019

Samaín

Pois xa pasou o Samaín...

A nosa casiña converteuse por uns días na Casa da Pantasma; dentro atopabamos cabazas, arañas, vellos farrapos e algo de escuridade. Había que ser moi valente para atreverse a entrar e poder coller así algúns dos xogos de Samaín que a casa escondía.

Foi tempo tamén de contos e música de medo. O Horrible Monstro Verde é moi divertido, pero o conto da Cabaciña xunto co de Cocorico asustan un pouco máis; menos mal que sempre hai preto de nós un amigo/a disposto a darnos a man nos momentos de maior tensión.


E coma sempre, o certame de decoración de cabazas foi todo un éxito. Os corredores do cole daban medo coas vosas creacións. Este ano, ademais, contabamos cunha grande variedade de debuxos de monstros terroríficos, de todas as formas e cores, que foron elaborados nas aulas.